martes, 9 de abril de 2019

Cantiga de Farruco

Heivos contar unha historia
que vos habedes de rir
de un ghaiteiro famoso
alá polo mes de abril.

El chamábase Farruco,
a súa muller Carmela
tocaba nas romerías, foliadas
e nas festas.

Carmela estaba orghullosa
de casar con un ghaiteiro
mais un día ao vir do baile
armou un lío do demo.

Farruco na foliada
bebeu de máis unha pinga
e vendeu a súa ghaita
sen saber o que facía.

De noite ao chegar a casa
borracho como un pelexo
onde botache-la gaita
Farruco que non cha vexo

A gaita miña Carmela
deixeina na foliada
que che ia acabadiña
de vella xa non tocaba.

Vaite de aquí porcalleiro
lárgate de xunta min
lárgate de xunta min
que eu sen gaita non te quero

Sae farruco pa fóra
ai coa cabeza baixada
dicindo pobre de min
onde eu botei a gaita

Farruco ó dia seguinte
mercou unha nova gaita
e entrou pola porta adiante
tocando unha ribeirana.

Carmiña miña Carmela
podes estar contentiña
merquei unha nova gaita
e esta é mellor que a que tiña

Ela loca de contenta
botoulle as mans ó punteiro
e dixo bailando sola
tiruliru meu gaiteiro

Deu de cenar a Farruco
e cando ia pa cama
dixo: inda que é pequena
vale máis que non ter nada.

Por iso mozas solteiras
fiade no meu consello
pasade revista os homes
a ver se traen instrumento.


Cantiga transmitida por Vicente da Chousa en Cedeira.
Agradecementos a Daniel Picos, que a recolleu e nola achegou.

1 comentario: